Fotografía de Produto para Negocios Locais

A fotografía de produto é importante hoxe en día: páxinas web, redes sociais… A imaxe está máis presente e ten máis importancia que nunca e,  se xestionamos un negocio local, sempre é interesante calquera mellora sobre as imaxes que empregamos para a promoción da nosa actividade.

A fotografía é unha técnica, e pode ser un arte. Ten unha compoñente subxectiva importante, que é o gusto de cada persoa, pero tamén ten unha parte obxectiva, porque é técnica, medible, independientemente de opinións, polo que podemos decir que unha foto é “correcta” ou “incorrecta”.

Doutra banda, tamén sabemos que a fotografía é moito máis que técnica: Pode ser a transmisión de sentimentos e emocións, o momento, e por este motivo existen infinitos exemplos de grandísimas fotazas “incorrectas”. Pero esto acontece en xéneros como o fotoperiodismo, ou a foto de familia, por exemplo.

As fotos de produto si deberían sempre ser fotos correctas: básicamente deben estar ben enfocadas e sen perdas de información nas luces e sombras.  Despois temos marxe para transmitir, pero o facemos a través de cores, contrastes e composicións.

Cando non temos un ollo entrenado, a foto dun produto pode parecernos boa… ata que lle poñemos ou aparece outra foto mellor ao seu carón. Seguramente que preferiríamos que a boa foto sexa a nosa.

Unha pequena divagación incial

A paradoxa que hoxe vivimos: Con internet e as redes sociais todos estamos a ver máis fotografías que nunca, millóns e millóns que se publican cada día, pero a “cultura visual” non chegou á sociedade na mesma medida. En xeral seguimos sen saber interpretar unha imaxe, se é correcta ou non o é, e moito menos sabemos interpretar o xeito no que foi realizada. Realmente vivimos uns tempos nunca vividos, nos que existen máis persoas que non saben nada de fotografía publican máis fotografías que nunca. Nunca antes poidéramos ver tantas malas imaxes!!!

E pola outra banda, tamén hai que dicir que os coñecementos sobre fotografía son máis asequibles que nunca, ata niveis nunca antes vistos. Un bo fotógrafo profesional de hai vinte anos tería hoxe o nivel dun aficionado. O nivel dos fotógrafos é máis alto que nunca… Nunca antes poidéramos ver tantas imaxes excepcionais!!!

Interesado en fotografía de produto?

Este tipo de fotografia sempre vai interesar se tes unha tenda, eres artesán, ou traballas en calquera proxecto no que tes que amosar os teus produtos.

O que publico a continuación son unhas directrices, coa idea de que sirvan de orientación a calquera persoa que, sin saber de fotografía, queira achegarse á fotografía de produto.

Canto temos que invertir?

DEPENDE, así en maiúsculas, porque en fotografía temos dúas variables que deberían ir parellas: os nosos coñecementos e o noso equipamento.

Ter a cámara máis cara do mundo non garante boas fotografías. O equipo é o menos importante. O máis importante é a persoa que está detrás da cámara, co seu “ollo” fotográfico (que pode ser innato pero tamén o podemos entrenar) e cos seus coñecementos.

Se pensamos en invertir para mellorar as nosas fotografías, deberíamos facelo en función dos nosos coñecementos fotográficos.

Establecería varios niveis:

Nivel 0.- Un bo teléfono móbil é suficiente.

Podemos non saber nada de fotografía e facer boas fotos.

Hoxe en día os teléfonos de “gama media” xa ofrecen cámaras coas que se poden obter bos resultados. Prezo deste tipo de teléfonos no 2021? Sobre 200€…

Hoxe en día, o software co que veñen os teléfonos permiten obter fotografías “plácidas”, e cáseque sempre correctas. Xa veñen configurados con perfiles moi elaborados, e un usuario non ten que entender nada do que fai o móbil para que a fotografía sexa boa. O malo é que algunha vez pode fallar,  e tamén pode pasar que nin nos decatemos, pero este pequeno desastre seguramente acontecerá poucas veces.

Se temos bo ollo fotográfico, cun bo móbil xa podemos obter unhas fotos máis que decentes.

Nivel 0,5.- Un bo teléfono móbil + app

Podemos instalar algunha das moitas aplicacións que temos disponibles en calquera dos sistemas operativos, e mellorar aínda máis o que ofrecen as cámaras dos teléfonos. Pero ollo, porque se non sabemos o que facemos tamén podemos estragar os resultados xa decentes que nos ofrecen hoxe os teléfonos modernos.

Eu non o uso moito, pero Snapseed, para Android, paréceme unha app interesante. E seguro que hai máis opcións.

Nivel 1.- Coñecementos básicos de fotografía

Este é o nivel desagradecido, porque imos adquirindo uns coñecementos que nos permiten avanzar cara a niveis superiores, pero probablemente imos obter neste momento peores resultados que os que se obteñen no nivel 0.

Este é o nivel no que empezamos a entender o funcionamento das cámaras fotográficas, os conceptos básicos, e empezamos a entender a luz.

É o momento de empezar a coñecer as distintas alternativas para a edición fotográfica, onde xa imos dando os primeiros pasos: formatos, histograma e axustes básicos, etc.

Neste nivel xa precisamos dunha cámara reflex básica.

Canto podemos gastar?? Pois pode variar moito porque temos básicamente dúas opcións:

– Opción A (máis doada e máis cara): Ir mercar algunha cámara básica nova dalgunha das marcas máis coñecidas. No 2021 falamos de gastarnos entre 500 e 1000€ fácilmente.

– Opción B (o que eu faría): Mercar algunha cámara de hai catro ou cinco anos, de segunda man. Deberiamos gastar así 300 ou 400€ para conseguir algo interesante. Hai que mirar o desgaste do obturador, que non leve moitos disparos, e -o máis delicado- que non teña manchas no sensor. Por este motivo buscaría a algún vendedor cercano, través de Milanuncios, wallapop, etc. Imprescindible ver e probar -hai que levar un monitor para ver as probas- antes de pagar nada.

Consello se buscas algo para fotografiar produto: Non collas un zoom. Busca un 50mm que abra a 1.8 ou 2, independentemente da marca, porque son obxectivos baratos que dan boas calidades.

Nivel 2.- Coñecementos medios de fotografía

Penso que xa estamos noutro nivel cando xa non pensamos no manexo da cámara, porque traballamos de forma automática.

Controlamos o noso equipo e os conceptos básicos da profundidade de campo, distancias focais e, sobretodo, xa imos entendendo moito máis o funcionamento da luz (nos interesan os modificadores e fontes de luz…).

Empezamos tamén a profundizar na cor e a luz, o seu tratamento, o cuadrado inverso, e imos dominando as técnicas de edición -cos programas que escollamos- para conseguir uns resultados xa aceptables.

Nos decatamos de que, en canto a ferramenta, o máis importante é o obxectivo. (Xa o escoitáramos antes pero é agora cando o aprendemos).

Neste nivel podemos ir invertindo en monitores fotográficos, equipos de iluminación e obxectivos.

Canto podemos gastar?? De pouco a infinito. Os monitores xa os temos agora desde uns 450€ sin ofertas. En equipos de iluminación, falamos de flashes (a partires duns 70-80€ + desde 40-50€ dun trigger) para ir coñecendo o strobist. E o dos obxectivos é un mundo que vai variar en función da marca do corpo co que “contraíramos matrimonio”. O meu obxectivo favorito, co que fago o 90% das fotos, costoume 26€. (Euros=26. Non é un erro).

Nivel 3.- Coñecementos avanzados de fotografía

Contamos co noso equipo de iluminación, e non publicamos as nosas fotos se non pasan por un monitor calibrado.

Xa non nos valen os sensores antiguos nin, moito menos, os obxectivos mediocres… Imos facéndonos “sibaritas” e xa poucos nos entenden… laughing

Canto podemos gastar? Infinito.

A fotografía ten sona de ser cara. Eu creo que non é barato, pero tampouco ten que ser moi caro. Vai depender da personal filosofía de cada un e, desde logo, do tipo de traballos que teñamos que facer. pero se falamos de fotografía de produto, para publicar on-line básicamente, non imos ter que gastar moito. O único que realmente me parece importante, se realmente queremos traballar xa como profesionais, é un monitor calibrado (que baixaron moitísimo os prezos nos últimos anos -> Benq ).

A fotografía non que ser cara!!

Poño uns exemplos para explicar como traballo: Tres fotos que foron tomadas, todas elas, cunha cámara Pentax K-7 (un modelo do ano 2009 cun sensor hoxe en día máis que superado… pero absolutamente útil) e cun obxectivo Pentax 50mm 1.7 M que me costou, xa o dixera, 26€.

A verdade é que xa levo tempo pensando en renovar, pero como “casei” con Pentax  (e non me cambio nin de coña porque ofrece moitas ventaxes sobre as marcas máis coñecidas), que é unha marca que saca modelos novos moi de cando en vez… Pois se cadra para o ano, cando baixe o que quero… Non teño presa ningunha…

As tres fotografías, todas de produto pero de distinto tipo, foron realizadas cun equipamento “modesto”: a primeira únicamente con luz natural, a das fresas cun flash (130€) rebotado, e a terceira con dous flashes e modificadores (difusor e rebote). Nos últimos anos levo feito miles de fotos deste tipo.

Todas as fotos que publico levan edición. A edición é un revelado. Non é retoque: Na edición se axusta a fotografía (as luces, contrastes, cores, etc, etc, para falar en cristiano). É un proceso similar ao que tradicionalmente se facía ao revelar nun laboratorio, pero agora o facemos máis doado e tamén máis complexo.

No retoque engadimos ou eliminamos elementos da fotografía. Eso o fago pouco. Unha das primeiras cousas que se aprenden é que sempre é mellor partir dunha toma correcta.

Se alguén pensa que “non edita” as súas fotos, debería saber que o que fai é delegar estos axustes no fabricante do dispositivo co que fai a foto: Calquera teléfono ou cámara, cos seus distintos modos, levan estos axustes de fábrica. O que facemos ao editar é trocar os axustes que veñen “de fábrica” por outros que escollemos… Co tempo e a experiencia calquera pode chegar a aprender o suficiente como para imitar e mellorar calquera deses filtros que nos ofrece, por exemplo, Instagram.

Hoxe emprego software open source -software libre- e traballo con Linux: Ata hai cinco ou seis anos, e desde que saíra da facultade para traballar en axencias de publicidade, viña empregando os ordenadores da mazá. E para a edición de fotografía empreguei durante moitos anos o mesmo software que empregan a meirande parte dos fotógrafos do mundo (Photoshop e Lightroom). Descubrín que existen solucións de software libre –polas que non hai que pagar!!!– moito máis potentes que as comerciais. O software comercial está feito para que sexa máis doado… pero incluso ofrece, algunhas veces, menos. Recomendaría Lightroom para iniciarse, en todo caso, nos conceptos básicos da edición. Despois recomendaría Darktable, porque é máis potente e non se paga por el, pero hai que aprender a manexarse e temos que saber ben o que fai.

A toma fotográfica é un mundo. A edición fotográfica é un mundo infinito.

Por se hai alguén interesado

Taller Práctico de Fotografía para Negocios

Imparto un taller de “Fotografía para Negocios Locais” cun obxectivo ben simple: Conseguir mellores imaxes para a promoción do noso proxecto.

Trátase dun taller de catro horas de duración no que imos falando dos distintos aspectos do proceso fotográfico.

Está pensado para que calquera persoa poida adquirir coñecementos prácticos de fotografía que sirvan para mellorar as fotos que sacamos,  independientemente do equipamento que poseamos. (Equipamento mínimo: un teléfono móbil).

Os contidos deste taller son os seguintes:

Fundamentos de composición fotográfica

Regla dos tercios.

Liñas

Profundidade de campo

Fundamentos de Iluminación en Fotografía

Luces duras e luces suaves

Fontes de luz

Trucos de “andar por casa”

A toma fotográfica

Axustes básicos: diagfragmas, obturadores e as sensibilidades dos sensores.

Lentes e perspectivas.

Profundidade de campo.

Teléfonos móbiles, réflex e outros tipos de cámara.

Formatos Dixitais

Formatos básicos: jpeg, webp, png, tiff,… raw.

Conceitos de Tamaño e Peso

Os Pixels e Megapixels

Os Megas e os  Gigas

A resolución

Ferramentas de Edición

Edición en móbiles

Edición sobre ordenadores.

Principais programas

Alternativas opensource.

Exportación e Publicación

Soportes finais e calidades

Trucos

O grupo ideal para realizar este taller é de 4-6 persoas.

Quen esté interesado pódeme contactar!!

Contratar a un fotógrafo

Cando falamos de pequenos negocios locais, a contratación dun fotógrafo tamén é, desde logo, algo a valorar.

Contrtar a un profesional é interesante se o que queremos é facer as fotos principais coas que imos promover o que facemos: fotos de produto, instalacións, retratos das persoas que están detrás do proxecto, etc. Para este tipo de traballos si que paga a pena facer unha inversión e contratar a un profesional.

Pero se do que se trata é de nutrir o noso perfil de Instagram, por exemplo, entón pode ser que a contratación dun profesional resulte un gasto excesivo. É aquí donde recomendaría unha “auto-formación” básica. Probablemente sexa mellor que aprendamos dous ou tres esquemas de iluminación para os nosos produtos (facer un taller de fotografía), e que sexamos nós xa os que poidamos empezar a realizar e producir as nosas propias fotografías.

About me laughing

Levo aprendendo fotografía desde 1990. Empecei coa Canon do meu pai, modelo F-1 dos anos 70. E seguín co meu tío Santi, que traballaba como fotógrafo no Hospital de Marina, en Ferrol, ademáis de facer moita reportaxe… No laboratorio do meu tío botei moitas horas xogando con reveladores, paros e fijadores. Agradézolle moito.

Seguín na facultade, cursando asignaturas de fotoperiodismo e meténdome e canto curso e taller atopaba. Foron anos nos que tiven a sorte de aprender dalgúns dos grandes, como Koldo Chamorro, Cristina García Rodero ou Miguel Urabayen, entre outros.

Despois, xa nos anos dixitais, a aprendizaxe autodidacta foi sempre unha constante. E ata hoxe: Un fotógrafo non pode nunca deixar de aprender porque, coido que xa o dixen, a evolución da fotografía foi espectacular nos últimos anos. Apasionante.

Tel. 675 89 01 63

info@xan-martinez.com

Outras Entradas de Interese

Guía de Social Media para Empresas Locais

Guía de Social Media para Empresas Locais

Neste artigo damos as directrices básicas para o uso do Social Media -Redes Sociais- como canle de comunicación. Falamos desde o punto de vista dos proxectos locais: PYMES, autónomos, asociacións e todo tipo de proxectos ligados a un territorio.

leer más
Traducir »